viernes, 24 de octubre de 2008

PSICOLOXÍA E RENDEMENTO: Formación, a clave do éxito



Juancho Armental revelou nun curso en Boiro que a aprendizaxe é o alicerce dun bo rendemento.

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2008/10/23/0003_7248006.htm


Un grupo de xornalistas coñeceron da man do psicólogo Juancho Armental as claves do éxito a nivel profesional. O especialista impartiu un seminario promovido pola mancomunidade Arousa Norte no centro social boirense, no que desvelou que a formación é o alicerce fundamental para mellorar o rendemento.

Armental desenvolveu as súas explicacións tomando como punto de partida unha pirámide composta de catro eslavóns. No máis baixo situou a formación e nos tres seguintes, querer aprender, saber facelo e conseguir aplicar os coñecementos adquiridos. Só escalando correctamente todos estes chanzos se logrará o obxectivo: o éxito a nivel profesional.


Pero, consciente de que o traballo non é todo na vida, Armental explicou que, ademais do emprego, hai outros tres alicerces, a amizade, a familia e o ocio. En función da importancia que cada persoa lle conceda a cada un destes eidos, marcarase os seus obxectivos.


O psicólogo puxo como exemplo aos deportistas de elite ou aos altos cargos a nivel empresarial, sinalando que, por norma xeral, vense obrigados a renunciar a varios destes alicerces para poder triunfar.


Neste sentido, Juancho Armental ilustrou aos xornalistas sobre a importancia do compromiso: «Estar na crista da onda implica estar disposto a pagar o prezo do éxito, a renunciar á familia, ás amizades ou ao ocio, e incluso a todo isto».


Por estraño que poida parecer, é a experiencia laboral do psicólogo a que lle permite realizar afirmacións como esta. Na actualidade, Juancho Armental traballa con unha ducia de deportistas de alto nivel e con varios empresarios, aos que lle axuda a mellorar o rendemento e a aumentar obxectivos.


Iso si, o especialista recoñeceu que para ter unha vida equilibrada, o lóxico é repartir o compromiso en catro partes iguais, destinándolle así tempo ao traballo, pero tamén á familia, ás amizades e ao lecer.


Reto na ría de Arousa
Armental aproveitou o seminario para dar a coñecer novos detalles sobre o reto que tentará cumprir con éxito a segunda quincena de decembro. Sinalou que a data exacta dependerá das condicións meteorolóxicas, pero engadiu que tratará de cubrir unha distancia duns doce quilómetros a nado. A súa intención é percorrer o traxecto entre as illas Areoso, Pedregoso e Rúa, para concluír a travesía no peirao de Cabo de Cruz.


http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2008/10/23/0003_7248006.htm

No hay comentarios: