martes, 12 de febrero de 2008

Os problemas do fútbol modesto, ¿teñen solución? - publicado en 2002

Cando aceptei escribir este artigo para esta emerxente revista, xurdiu a necesidade de concretar sobre que aspectos centralo. En referencia ó título proposto, non debemos esquecer que as necesidades dos cidadáns no eido do deporte xorden desde moi diversas esferas, incluso desde o fútbol, e por tanto, un tratado destas non é banal.

Non é o meu cometido discorrer neste texto por singraduras propias doutros profesionais nin por temas concretos da vertente psicolóxica. Só pretendo focaliza-la atención e dar a miña opinión sobre as necesidades que observo, desde a máis subxectiva das posicións, no Fútbol Modesto ó que nos referimos.

Sen saírmonos do guión, é preciso avanzar que cando falo de matices psicolóxicos neste contido falo irremediablemente de "Saúde" con letras maiúsculas, e todas aquelas interpretacións alonxadas deste contexto a bo seguro se mergullarán no desatino. Polo tanto, só pretendo deixar claro que a seguinte exposición con tintes psicolóxicos (repito que isto é Saúde e Benestar), centrarase en localiza-las posibles carencias coas que se atopa no día a día o fútbol modesto dos nosos concellos e o deporte en xeral, e ademais en retar ás corporacións municipais a pór en marcha programas a longo prazo que reduzan as problemáticas influencias coas que se atopan os nosos cativos e cativas.

Cando falamos deste contexto en concreto atribuímoslle un calificativo distintivo: Modesto, Afeccionado ou Amateur. Definen este grupo a inmensa maioría dos practicantes "futboleiros" deste país, tanto de categorías sénior coma de categorías base. O fútbol galego conta cuns 40.000 practicantes federados, dos cales, máis do 95% atrévome a dicir, e penso que me quedo curto, pertencen ó grupo ó que rendimos este espacio. Con estes datos aproximativos de tódalas categorías cronolóxicas e deportivas do fútbol galego, entendo que xa vai sendo hora de comezar a verquer un pouco máis de interés e atención neste grupo particular e na problemática coa que se enfrontan día tras día. Na análise comparativa deste fútbol co profesional, considero suficiente o dato estatístico que acabo de aportar para xustificar calquera axuda que se precise para o colectivo Modesto. No fútbol profesional, sempre xeralizando os casos, todo se resolve con cartos e resultados satisfactorios. Cartos para uns poucos e resultados para contentar ás masas por uns días ou unhas horas. Do Modesto nos esquecemos, e sen embargo, non percibimos que son os nosos veciños, os nosos fillos, amigos... os que configuran este colectivo. Isto non conta.

Non é inusual escoitar polas rúas, tascas e tertulias dos nosos concellos, críticas constantes á petulancia espontánea dos futbolistas profesionais. ¿Son realmente como nolos amosan? Nós criticamos, eles cobran cantidades descomunais pola nosa atención. Mentres, os nosos veciños ou os nosos fillos pódense estar a duchar en auga fría, cambiarse en condicións antihixiénicas propias dunha guerra, ou practica-lo seu deporte favorito nun espacio que dana a visión. Sinceramente, penso que todos alimentamos esa atmosfera mística na que facemos voar a estes deportistas exitosos e na que nos centramos con xa excesiva dependencia, aínda que as críticas lles van na conta corrente que moitos pagamos. Cando esto ocorre, se produce o mesmo efecto que a carioca que se morde a cola, e ós do noso carón témolos esquecidos ata que nos toque. Ó xogador profesional se lle atenden tódalas necesidades que teña. Os cartos e a fama, os seus deportivos, as fermosas mulleres desinhibidas procurando os seus soños de berce... debuxan o seu perfil. Iso é o que ansían os nosos cativos. Isto é o que lles ofrecemos. ¿E ós nosos?.

O xogador modesto alónxase deste perfil místico que persegue ó profesional. É un suxeito coma outro calquera (os profesionais tamén o son, aínda que moitos pensen, pola nosa culpa, todo o contrario), que ten ó famoso coma modelo a imitar, pero lamentablemente as súas aptitudes non lle permiten conquistar ese chanzo atractivo do "éxito" ou non teñen idade para o asalto á fama. Non viven do nin para o fútbol (aínda que haxa rapaces que nos fagan dubidar), pero non poden pasar sen el. Coñezo ambos tipos de futbolista, precisamente porque fun quen de vivir tal situación desde ambas perspectivas de xogador, e podo asegurar que as motivacións que moven a un xogador afeccionado polo xeral son máis viscerais e intensas que as que lle moven a un futbolista "da alta esfera". É complicado que atopes un xogador profesional falando de fútbol fóra do seu entorno. Sen embargo, un xogador de categoría rexional pode estar varias horas pensando e falando dunha mesma xogada do adestramento do día anterior ou dun encontro de hai máis dun mes. O xogador menos diestro e dotado, o que está menos suxeito á expectativa de terceiras persoas, entende cada acción acertada coma algo especial, mentres que para o profesional é unha obriga de doada resolución (aínda que tamén disfrute co xogo).

Atopaba preciso sinala-los obxectivos do escrito e a descrición do entorno peculiar do xogador "Modesto" en comparación co seu "compañeiro rico", pero a xénese deste artigo está en dar o meu parecer en referencia ás posibles dificultades coas que se atopa este colectivo, e como os concellos da nosa provincia poden intervir. A iso vou.

As principais problemáticas, e subliño que só as principais, que atopo neste contexto, céntranse en 3 aspectos fundamentais:

1. A xestión dos clubes de fútbol.

Seguramente esta se trate da parcela máis ingrata de todo este mundo, polo que habería que agradecerlles e felicitarlles, ós dirixentes e ós seus colaboradores, a súa implicación nas tarefas que desenvolven. Entendo sen maiores dúbidas que estas persoas deberan percibir compensacións dalgún tipo, estipuladas por eles mesmos (porcentaxes en función dos ingresos que conseguen para o Clube, en función dos traballos realizados...), o mesmo que os xogadores, o que levaría a unha maior adherencia ós postos que desempeñan. Nos postos de mando dos clubes de Fútbol disponse de todo tipo de persoas coma en botica, e resulta que ás veces xorde necesidade de ideas, proxectos, coñecementos específicos... do entorno no que se atopan. Hai que recoñecer que xa fan de máis. Téñoo claro, pero sen estenderme en exceso desexo matizar que nestes obxectivos as xuntas directivas poderían ser axudadas nas tarefas máis incómodas (xestión económica, busca de recursos institucionais, ofrecemento de servicios, formación de técnicos, asociacionismo entre clubes, diminución nos gastos, coidados materiais...), por parte dos máis capaces para iso, os concellos.

2. A formación dos futbolistas.

Un problema que considero de grande importancia é o feito de que cada vez máis rapaces abandonan o fútbol nos contextos rurais ou urbanos dos que falamos. Situámo-la idade crítica deste suceso, como resolven innumerables estudios, entre os 15 e os 17 anos. Este feito de por sí non debera de ser preocupante. Pero non debemos esquecer que o abandono dunha actividade require a busca doutra que ocupe o tempo baleiro deixado polo adestramento deportivo. As causas destas saídas poden ser diversas, pero non son tantas como alguén puidera crer: o "maltrato psicolóxico" dos técnicos, o non disfrutar xa coa actividade, non xogar habitualmente... Falar dos destinos, o mesmo que das causas, non é o cometido deste artigo, pero é boa noticia (polo coñecemento e difusión da información que se sabe, existe) que ó sinalar as distintas conductas indesexables (sedentarismo, drogas...) o lector non se sinta sorprendido co dato. Algo se avanzou, pero non fiquemos neste punto do camiño.

As preocupacións municipais habitualmente xorden cando o problema xa está enraizado, pero non contemplan a opción preventiva que puideran realizar cunha aposta firme. Eu non considero este suceso ou esta intervención coma unha opción necesaria, senón coma unha obriga que debemos demandar nas políticas locais e coma un reto para quen lea estas liñas. Por suposto que os clubes son os principais instrumentos para este cambio, pero hai que ter claro o utilizalos como tal, pois moitos xestores dos clubes modestos entenden a competencia desde o mercadeo de xogadores máis que desde a formación da base, e desde este punto todo o proceso vese condicionado.

3. A formación dos técnicos vs. formación das persoas.

Por último, penso que parte do conflicto e unha das claves da solución da problemática anterior atópase no nivel de cualificación dos técnicos, monitores e adestradores dos nosos equipos, e sobre todo, falando de grupos en idades críticas, dos técnicos do fútbol base. Non debemos esquecer que de aquí procedemos todos. O neno de hoxe é o futbolista de mañá, pero dun mañá que se atopa máis preto do que pensamos, polo que apoiar e impulsar ós cativos debe ser unha inversión persoal de cada quen.

Afortunadamente na actualidade, e espero que este goteo cada vez sexa máis significativo, vanse incorporando ás estructuras dos clubes (sobre todo daqueles nos que a dirección está concienciada das necesidades), máis profesionais cualificados (xa sexan preparadores físicos, psicólogos deportivos, fisioterapeutas...) que enriquecen a progresión dos rapaces e mitigan as "desfeitas" dos "técnicos de tasca" que pululan por algúns dos nosos clubes.

Ó carón destas problemáticas atopamos un organismo que é quen, se o desexa, de plantar cara desde unha política axeitada, sexan cales sexan as particularidades dos conflictos. Falo dos distintos concellos da nosa provincia. Xa hai moitos que están polo labor de ser precursores de saúde desde unha política independente do goberno que sexa. Moitos xa consideran a formación cultural, deportiva... coma unha obriga de seu, e non coma un aspecto derivable a outros organismos particulares, sociedades, asociacións, clubes... Establecen pautas de execución entre os distintos clubes, asociacións deportivas, particulares interesados... e non deixan que algo tan importante se mergulle na ignorancia dos atrevidos. Alégrome por isto. ¿Atópaste nun concello así?

Entendo necesario que esta problemática, máis frondosa do que semella nestas liñas, vaia avanzando cara a especialización dos que se trabucan e corrixen desde o recoñecemento, dos que se informan e teñen claro a onde ir, dos que saben o que perseguen e que precisan... Pero este progreso debera ter un eixo de arranque. Os concellos, como entidades que nos representan, a través do gabinete, concellería ou departamento de deporte correspondente, teñen a posibilidade de ser quen de inicia-lo cambio desde os eixos superficialmente tratados:

  1. Axuda na xestión dos clubes: Os Concellos poderían tende-la súa man ós Clubes Modestos outorgándolles servicios útiles para o seu funcionamento. O dar cartos trae sempre tras de si a crítica. As cantidades doadas sempre resultan ser insuficientes, e nunca se ten control do seu destino. Penso que a obtención de recursos económicos debera partir de cada clube, mentres que os concellos poderían volca-los seus recursos en xestiona-los desprazamentos, gastos, buscar axudas institucionais, coordina-los espacios para a práctica de todos, coida-los recursos materiais, humanos, e distribuí-los con tino... desta maioría próxima. Estou convencido que estas accións á larga recibirían máis agradecementos que a dotación económica de fácil evaporación actual.
  2. Fomenta-lo desenvolvemento dunha cultura deportivo - futbolística axeitada: Enténdese por cultura deportiva unha forma de recoñece-lo propio deporte, de vivilo, de sentilo, de practicalo... Falamos, como xa mencionei anteriormente, de saúde como variable psicolóxica e física. O deportista que sintoniza nesta frecuencia entende o fútbol coma algo do que obtén grandes beneficios. É un ofrecemento altruísta onde a competición, xa sexa en adestramentos ou encontros oficiais, é o seu maior atractivo. Esta maneira de percibi-lo deporte é accesible e aprendible, e no fondo da cuestión poderían estar os concellos amosando as súas intencións. As Escolas Municipais de Fútbol son moi custosas, pero eu entendo que non son precisas. Poden vender politicamente por algún tempo, pero teñen pouca eficacia e unha vida máis curta. Isto é algo que deben dirixir directamente os clubes, como xa fan, pero deben ser orientados por alguén a cambio de tódolos servicios propostos (ou os que se determinen). Sería investir con servicios nos clubes en vez de despilfarrar nunha escola.
  3. Formar ós técnicos: os concellos poderían garantir a formación atinada dos seus cidadáns utilizando, coma neste caso, os instrumentos que teñen ó seu alcance (proxecto dirixido á formación dos seus formadores, dos seus técnicos). As políticas municipais de deporte e cultura reflicten o tipo de xente coa que desexan convivir. Potencia-la vida nocturna, as concentracións xuvenís con motivos festeiros, etc., só dirixen ós cidadáns á ignorancia e a hábitos inadecuados e cuestionables. Se o investimento dos concellos apunta cara o deporte, e máis en concreto cara á formación dos técnicos dos seus mozos, xerarase unha maior aceptación do deporte, un maior entendemento do mesmo e un disfrute da práctica maior.

Como observamos, as problemáticas teñen distintos titulares e as solucións poderían estar máis preto do que pensamos: "Habelas hailas". Afortunadamente xa hai clubes, concellos, técnicos... que desde as súas sans inquedanzas, tratan de evolucionar, coma todos nós, desde os erros que cometen. Gustaríame coñecer máis proxectos, ou mellor dito, máis realidades, que "atenten" contra o tradicional e dispoñan os seus esforzos en aras de cubrir as necesidades desta maioría esquecida. O Fútbol Modesto, en moitos casos, precisa doutros derroteiros, e estes dependen en grande medida de quen nos goberna, é dicir, de quen reparte sorte. Gustaríame que observases ós clubes do teu concello, indagases sobre os seus problemas e necesidades, e se es un deles, abre os ollos, ... reflexiona, ... e adiante.

Juancho Armental

Psicólogo

http://www.dicoruna.es/cultura/interea/RevistaInterea02/visual02_experiencia_art1.php?seccion=4


No hay comentarios: