LOS RIESGOS DE LA EXPOSICIÓN: BRAZADAS DA NADA: Por David Fernández en CERTO.es
http://certo.es/index.php?page=brazadas_da_nada
Nadar tamén pode ser un acto político. Poucas cousas hai na vida que non o sexan: se fas algo, falo por algo. Se non o fas, aínda que sexa inconscientemente, tamén podes ter razóns de base ideolóxicas. Ben, non esaxeremos. Falemos só de nadar, na auga, neste caso do mar.
Non coñecía os retos de Juancho Armental ata que un día de casualidade o vin neste xornal no que colaboro de cando en vez -que é menos aínda que de vez en cando-. Chamoume a atención: o primeiro que se me veu á cabeza foi pensar que era un imitador de David Meca. Un copycat do Meca, que dirían os ingleses, pero no canto de ir á prisión de Alcatraz, ou cruzar o estreito de Xibraltar, Armental pillaba para Pobra, Vilagarcía ou Sálvora. Todo moi da casa. Un orgullo para os barbanzáns.
Nos tempos en que seguía a Meca -non che quedaba outra, David Meca ocupou longos espazos de deportes nas televisións nacionais durante moito tempo- xa me facía a mesma pregunta: para que?
A min gustaríame que o que fai xente como Armental ou Meca fose, por exemplo, por amor. Que revivisen coas súas fazañas aquela historia mítica de Hero e Leandro. Aquela sacerdotisa de Afrodita e do mozo que vivía en Abidos: dúas vilas da antiga Héladeseparadas por un anaco de mar que entonces coñecían como Helesponto e agora responde ao nome de estreito de Dardanelos.
Cada noite, Leandro cruzaba o mar nadando para ir reunirse coa súa amada, a cal o guiaba cun candil que poñía na fiestra. A historia acabou mal: xa saben da tremenda afición dos gregos á traxedia. Nunha noite de tronada, o candil apagouse e o namorado nadador ficou á deriva e afogou, esgotado. Ovidio recolle nas súas "Cartas ás heroínas" a imaxinaria correspondencia dos amantes, na que Leandro se laia: "Por que o mar separa os nosos corazóns unidos, e unha soa terra non acolle a dous que son un só sentimento?".
En Barbanza, a pouco que poña un a orella, escoita historias de auténticos deportistas por amor. Xente que cubría distancias impensables hai cincuenta anos en bicicletas tipo "renfe" -sen marchas e pesadísimas- para ir ver ás súas namoradas. Brazos de mar que se montaban en gameliñas para atender a chamada das súas afroditas particulares. Solitarios pelegríns que camiñaban a paso firme durante horas, ventara, chovese ou queimara o "Lorenzo", para, ao mellor, só poder falar coa súa benamada. Pais de onte. Avós de hoxe.
Mais voltemos ao noso Armental. Para que nada? Pódese ler nas novas sobre o asunto que son "retos" personais, que como psicólogo do deporte afirma que calquera pode chegar onde desexe se se prepara. Si, pero son retos para el mesmo? É entón Juancho un narcisista? Ou retos para chamar a atención, en plan mediático, para saír nos papeis, nas televisións, no seu blog? Non comprendo nada. Tampouco nado moito. Case nada.
Non entendo tampouco aos alpinistas, a eses que un ano tras outro se van conquistar os oito miles, aínda que se lles conxelen pés, as mans; aínda que estean ao pé da morte en tantas ocasións, e morran mesmo seus compañeiros, como así acontece. Cada vez que vexo a Juanito Oiarzábal en televisión invádeme un sentimento entre a compaixón e a tenrura: non sei se estou vendo a un tolo ou a un iluminado, ou tan só a alguén que me quere dicir que os humanos somos sobrehumanos. Ver a imaxe de Armental sacado da auga como se fose a Santa Tareixa do cadro de Bernini pero máis frontal, e con cara de agonía en lugar de éxtase, aínda me da arrepíos.
Mais, ao que vou: é Juancho Armental un neonarciso? Busca só a autoestima? Quere ser unha estrela do pop, como se adoita hoxe ao participar en Big Brother e chorradas varias? Non lle podo negar a este emulador de Meca a perseveranza. Dicir ao pouco de saír do hospital que xa ía repetir o traxecto Sálvora-Barraña no que lle deu a páxara, é mesmo de teimudo temerario.
Din os psicólogos a nivel mundial que non paran de medrar os narcisistas. Mais cando se é psicólogo, como no caso do héroe Armental, quen diagnostica ao diagnosticador?
Que a serea de Sálvora -serea mitificada, pois as primeiras sereas, as ideadas polos gregos, non tiñan nada de peixes, eran monstros mariños metade mulleres metade paxaros que comían carne humana- lle sexa propicia. Que Juancho nade, que acade o reto. E que non pase nada.
Por David Fernández
http://certo.es/index.php?page=brazadas_da_nada
No hay comentarios:
Publicar un comentario