martes, 20 de julio de 2010

Entrevista La Voz de Galicia (20/07/10) Texto e correccións

«Hai veces que te cansas de petar a portas que están pechadas» Isto non é certo; si están pechadas, paso a petar noutra pero non quedo coma un parvo desgastándome no mesmo sitio.

http://www.lavozdegalicia.com/barbanza/2010/07/20/0003_8620142.htm

Escrito en vermello o que quixen decir na entrevista.
Juancho Armental é un galego de bandeira, non só porque os seus retos deportivos son propios do mesmísimo campión de España David Meca, senón que ademais se encarga de reclamar o lugar que lle corresponde ao deporte galego no mundo (non o pretendo, pero si sinto que os deportistas galegos deberían contar con maior apoio).

-Está preparando de novo a travesía Sálvora-Barraña, ¿como se atopa ao volver a enfrontarse a este reto?
-Estou moi motivado, os retos están para conseguilos e se un se resiste o que hai que facer é collelo con máis forza. Ademais, xa levo un tempo preparándome, e segundo pasan as semanas, anímome máis.

-¿Cantas horas adestra ao día?
-Adoito adestrar todo o que me permite o meu traballo. Agora no verán teño un pouco máis de tempo, hai menos xente nas empresas (e os deportistas paran a competición) e teño un respiro. Adestro seis días á semana, e fago dúas sesións, unha pola mañá e outra pola tarde.

-Cando unha persoa non consigue algo réndese, vexo que non é o seu caso.
-Para nada. Ademais, se non o conseguín a primeira vez foi porque non fixen as cousas de todo ben, ao mellor o mar non estaba no mellor momento, e eu tampouco estaba ao cen por cento. Hai que mirar adiante e non coller medo a nada.

-Falar así non é doado, ¿dáse conta de que vostede pode ser un exemplo para moita xente?
- Para min iso é un orgullo. A soa idea de que poida incentivar a alguén a facer deporte, ou que se anime a proporse retos, ou que loite polo que quere, para min é algo moi satisfactorio. Pero de tódolos xeitos, nin me plantexo servir de referencia para ninguén; só fago a vida que me gusta e decido vivir.

-¿Cal é o verdadeiro motivo polo que fai todo isto, cartos, fama?
-Para nada. O meu obxectivo con todo isto vai moito máis ala. Busco que a xente empece a recoñecer de unha vez o lugar que se lle debe dar ao deporte galego. Realmente fago isto porque me gusta facer cousas que me sirvan para algo, e neste caso, a min sírveme para sentirme ben, sin pensar en ninguén máis. Isto non é unha proclama, senón unha opción de vida.

-¿Que é, segundo vostede, o que falla?
-Pois o principal é a falla de apoio por parte das Administracións. Temos moi bos deportistas, xente que esta traballando a nivel mundial e aquí non se oe nada. Non falo de cartos porque sabemos que non os hai, falo de crear e de que se coñezan proxectos concretos e coherentes non feitos por dous, senón entre todos.

-Fala das Administracións, ¿non recibiu ningún tipo de apoio cando realizou o seu reto do remonte Xacobeo do río Ulla?
-Non, nin sequera se me escoitou (me refería a Xacobeo en exclusiva). Enviei propostas á Xunta de Galicia, ao Concello de Padrón, ao que lle fixen unha proposta para facer o camiño de Santiago despois da miña travesía a nado, e nada. Fixen todos os movementos posibles dende o meu lugar, e non tiven obtiven ningún resultado. Hai veces que te cansas de petar a portas que están pechadas. De tódolos xeitos, hai administracións locais cas que sempre contamos e que nos axudan desde sempre dentro das súas posibilidades, como son a Mancomunidade Arousa Norte, O Concello de Boiro e o Concello de Riveira. Isto o dixen na entrevista pero non sae na publicado.

-Fala de propostas que non foron escoitadas, ¿considera que o deporte galego está infravalorado?
-Por suposto que está infravalorado, discriminado e todo o que lle puideramos chamar (non o creo, pero si considero que non hai proxectos coherentes e sensatos que traten de incentivar a práctica deportiva e aos deportistas a facer carreira no deporte). Cando ven alguén de fóra todo son facilidades, mentres que os deportistas autonómicos teñen que buscarse a vida eles sos, e moitas veces non atopan apoio (isto é certo; non sempre se buscan cartos, senón apoios organizativos como os que nos solicitamos, e non se pensa nin se ten sentido de servizo aos cidadáns - deportistas incluidos. Para min a función dun concellal non é inaugurar e asistir a eventos, senón cubrir necesidades dos cidadáns). Ás veces penso en enviar as propostas en inglés, seguro que así responderían.

-¿Que se pode facer ante esta pasividade por parte dos gobernantes? Non é xeralizado, e non creo que sexa pasividade, senón descoñecemento/pouca formación ou ignorancia.
-O primeiro é facer que te escoiten. Sempre digo que o anonimato silencia moitas e moi boas ideas da xente. Hai que facer ruído, parece que só así che fan caso. Por exemplo, a min antes non se me recibía na Xunta, unha vez feito o primeiro reto, conseguín que polo menos se me escoitara.

-Dedícase á psicoloxía e nalgún momento traballou con deportistas (frecuentemente o fago), ¿agora mesmo ten algunha iniciativa neste eido?
-Si, estamos preparando (queremos crear) o servizo itinerante de asesoramento para deportistas, que traballaría con deportistas de elite de todas as disciplinas (e non de élite). Tamén teño a idea dun programa de educación psicolóxica para todo tipo de deportistas e técnicos, non só os de elite. Cando comezas a practicar un deporte ensínanche os golpes básicos ou como moverte, pois tamén sería importante que alguén che ensinara como facelo psicoloxicamente falando.

http://www.lavozdegalicia.com/barbanza/2010/07/20/0003_8620142.htm

No hay comentarios: